10º Aniversario
¡El capitán cumple diez años!
descúbrelo

O camiño do home

Por El Progreso de Lugo  ·  08.06.2016

A BBC recorreu a Jacob Bronowski, precursor de Carl Sagan, para presentar ‘El ascenso del hombre’, unha serie documental cuxo guión chega agora transcrito ás librarías españolas

OS CRÍTICOS normalmente somos moi malos para recomendar libros. Dirán vostedes que dende logo, vaia cousas. A realidade é que nos dedicamos a analizar e iso crea defectos profesionais que non son moi compatíbeis cos gustos do lector de a pé. Todas as profesións teñen os seus paradoxos.

Eu non son unha excepción e case que sempre fracaso nos consellos lectores, pero tamén teño os meus comodíns. E cando unha persoa me pide un libro sobre as bases da nosa cultura —historia, filosofía, política— sempre lle recomendo La tradición intelectual de Occidente: De Leonardo a Hegel de Jacob Bronowski e Bruce Mazlish. Hai moito que se traduciu ao español e non moi ben, polo que mellor o orixinal inglés. Curto, entretido, completo… Marabilloso, nunha palabra.

Un non podía agardar outra cousa de Jacob Bronowski, o divulgador precursor —nada menos— de Carl Sagan. Nado en Polonia en 1908, pertenceu á mesma xeración de científicos xeniais ca Leo Szilard, Stanislaw Ulam ou Enrico Fermi. Tivo que deixar o Vello Continente pola persecución dos nazis e participou do máis grande proxecto colectivo do século pasado: o descubrimento da enerxía atómica e a súa nefanda conversión na arma máis terríbel usada endexamais polos seres humanos, a bomba de Hiroshima. Horrorizado polo produto do seu saber, encamiñou os seus pasos ás ciencias da vida e chegou aos setenta convertido nun verdadeiro sabio quen de tender pontes entre a ciencia e as humanidades.

Por iso a BBC recorreu a el para presentar El ascenso del hombre, serie documental sobre a chegada do ser humano ao seu estado actual —teoricamente bo—. Son trece documentais que, por desgraza, a penas se poden atopar hoxe en día, mesmo recorrendo a certa coñecida plataforma de vídeo en rede. Por sorte, ademais dos episodios para televisión, publicouse a transcrición completa do guión baixo o mesmo título e agora chega ás librarías españolas da man de Capitán Swing.

Bronowski podería ter sido tan coñecido e recoñecido como o citado Sagan, pero tivo a desgraza de falecer repentinamente pouco despois da gravación da serie, o que impediu proxectos futuros que probabelmente terían colleitado un éxito similar. A razón é ben sinxela: o intelectual polaco logra explicalo todo coa máxima sinxeleza sen caer nunca na banalidade.

Malia a personalidade do escritor e creador da serie, coñecedora dos logros da humanidade no eido da cultura, o percorrido que facemos da súa man ten moito de historia e ciencia. Ao comezar na Prehistoria os primeiros capítulos afunden as súas raíces na antropoloxía e na arqueoloxía. A partires do cuarto atopamos unha historia da ciencia condensada en non máis de 200 páxinas: a química, a matemática, a física, a evolución, a física atómica… E un epílogo no que aparecen todas as cuestións éticas sobre a relación do home co coñecemento neste camiño de aprendizaxe.

Unha particularidade que atopamos é que a obra, nin no orixinal inglés nin na tradución española, pasou por un proceso de edición a fondo. Como ben explica o autor na introdución, o programa de televisión carecía de guión: Bronowski improvisaba unha clase apoiado no entorno de gravación, formado por monumentos, paisaxes, bibliotecas e gabinetes de científicos… En ocasións resulta sorprendente o uso de deícticos —aquí, alí, este ou aquel obxecto ou espazo— que pertencen en realidade ao mundo televisivo, pero o lector adáptase axiña a esa peculiaridade e ofrece ese sacrificio á ortodoxia lectora para gañar un ritmo e unha fluidez insólitos: cando se comeza a ler é difícil parar. O talento de Bronowski é aditivo.

Está pouco de moda ser intelectual dende un punto de vista ortodoxo. Os amantes da ciencia estamos pechados na gaiola do nerdismo e os libros máis vendidos adoitan estar escritos por personaxes televisivos de dubidosa reputación. O modelo BBC morreu hai tempo pero cun chisco de esforzo podemos seguir as súas pegadas. Paga a pena, fáganme caso.

Autor del artículo: Javier Nogueira

Ver artículo original